Camiño Norte. Feitizo da Natureza viviu a súa primeira experiencia coa Fundación Imdecum estudando a proxección turística da ruta xacobea na Mariña esta fin de semana. Catro familias procedentes de Madrid, Asturias e Santiago de Compostela percorreron o itinerario descubrindo a riqueza paisaxística e patrimonial do Camiño e gozando dunhas temperaturas envexables para o outono.
O venres, o acto inaugural, no Centro de Interpretación e Información do Camiño Norte en Mondoñedo, contou coa presenza do presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, e do seu homólogo en Imdecum, Marcelino Luna, así como da delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, representando o Xacobeo, os alcaldes de Barreiros e Foz, Alfonso Fuente Parga e Javier Jorge Castiñeira, e as alcadesas de Mondoñedo, Elena Candia, Trabada, Mayra García, e Lourenzá, Rocío López. Tamén participaron na cita María Regla Rico, membro da Comisión Xacobea do Principado de Asturias e presidenta da Asociación de Amigos do Camiño Norte de Valdés-Luarca, e o presidente do cabildo de Mondoñedo, Pedro Díaz. Tras a recepción, os peregrinos tiveron o privilexio de visitar a catedral de Mondoñedo.
A costa de Ribadeo e Barreiros, coa marabilla natural das Catedrais e a visita a Eido Dourado, así como a variante da basílica de San Martiño de Mondoñedo e o Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá, centraron parte dos descubrimentos do sábado. Os descubridores do Camiño Norte tamén pescudaron no traxecto entre Abres e Trabada.
A xornada dominical, os peregrinos percorreron as etapas mariñás xacobeas ata Abadín, cunha pequeña parada no barrio mindoniense dos Muíños.
Imdecum agradece o apoio da Mancomunidade de Mariña Lucense na iniciativa, así como a colaboración da Asociación de Amigos do Camiño Norte que preside Luis Ansedes, do cabildo de Mondoñedo, ademais dos concellos polos que discorre a ruta xacobea.