A tan só unhas horas de disputar o título da Futsal Women’s European Champions en Burela, o técnico do SL Benfica, Alexandre Pinto, fixo un oco na súa apertada axenda para dirixir a xornada de tecnificación “Dende Vista Alegre para o Mundo”.
A iniciativa da Fundación Imdecum, que conta coa colaboración da Área de Deportes da Deputación de Lugo, reuniu nesta edición a unha selección da base feminina mariñá de fútbol sala, coa participación do filial do Pescados Rubén Burela FS, para absorber os consellos do adestrador portugués, que vén de gañar co seu equipo a Liga Placard, a Taça e a Supertaça en Portugal.
Antes de poñer rumbo á pugna pola Futsal WEC fronte ao italiano Bitonto C5 Femminille (Vista Alegre, 20.00 horas), Alexandre Pinto deulles os parabéns ás alumnas tanto pola actitude coma polo traballo demostrados na xornada, ademais de desexarlles unhas felices festas.
Despedida de 2023 co Trofeo do Nadal Mariñán
A Fundación Imdecum despedirá a axenda deportiva de 2023 mañá co Trofeo do Nadal Mariñán. O evento reunirá a categoría biberón de fútbol sala no pavillón Monte Castelo coa participación de AD Río Ouro, do Valadouro, Barbería Timiraos Celeiro FS e Cabreiroá Burela FS. Será a partir das 11.00 horas.